A Terapia Gestalt

A Terapia Gestalt é un enfoque holístico desenvolto por Fritz Perls nos anos 40 do século pasado que se integra dentro da Psicoloxía Humanista.
Sintetiza influenzas da Psicoloxía da forma (Wertheimer, Köhler , Koffka, Kurt Lewin...), do Psicoanálise (S. Freud, K. Horney,W. Reich...), do teatro e do psicodrama (Max Reinhardt, Jakob Levy Moreno), do pensamento diferencial (Friedlander), da fenomenoloxía (Edmund Hüsserl), do existencialismo (Martin Buber...) ou de diferentes tradicións espirituais (Tao, Zen, Chamanismo... )

Antepón a espontaneidade ao control; a vivencia á evitación do molesto e doloroso;  o sentir á racionalización; a comprensión global dos procesos  á dicotomía dos aparentes opostos...e  require do terapeuta un uso de sí mesmo como instrumento (emocional, corporal, intelectual) que transmita unha determinada actitude vital en vez de practicar únicamente unha técnica útil contra a neurose.
A neurose (acumulación de situacións inconclusas, perturbación do contacto/retirada e manipulación fronte a autoapoio coa conseguinte fractura da autorregulación) supón un escurecemento da conciencia, ou deterioro do Darse conta, con distintos graos de perturbación pero sen deixar de considerar a sociedade actual como neurótica e por iso, entender que todos estamos suxeitos a dita contaminación ambiental, aínda que pasemos por persoas normais clinicamente falando.

PRECEPTOS BÁSICOS:
-  actualidade temporal (o presente fronte ao pasado ou ao futuro), espacial (o presente fronte ao ausente) e substancial (o acto fronte ao símbolo).
-  atención e aceptación da experiencia.
-  responsabilidade



Máis ca unha teoría da psique, trátase dunha abordaxe terapéutica eficaz e unha filosofía de vida que prima a conciencia (awareness, darse conta), a propia responsabilidade dos procesos en curso e a fe na sabiduría intrínseca do organismo (a persoa total que somos) para  auto-regularse de forma adecuada cun medio cambiante.